
16/04/2024
“Voces labregas que loitan pola terra” conversatorio para conmemorar o Día Internacional das Loitas Labregas
Testemuñas da loita contra a agroindustria, a invasión eólica, a eucaliptización, a megaminaría e a macrocelulosa, entre outras. Mañá 17 de abril as 182 organizacións da LVC celebramos canda as nosas aliadas o Día Internacional das Loitas Labregas
Mañá, mércores 17 de abril, multitude de accións reivindicativas e eventos terán lugar ao longo dos case un cento de países onde a coordinadora global La Vía Campesina -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fai parte- ten presenza a través das súas 182 organizacións integrantes.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveremos o espazo “Voces labregas que loitan pola terra”, un conversatorio online na que daremos a coñecer experiencias de loita na Galiza fronte ao acaparamento de terras e a depredación de recursos no medio rural.
[Formulario de inscrición: https://forms.gle/QGt3Fj9qCCCteHyg6 ]
A moderación deste espazo de diálogo e posta en común correrá a cargo da gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL, e contará ca participación de María Osorio -gandeira de Becerreá en loita contra os macroparques de eólicos-, Henar Román -gandeira de Abadín en loita contra megaminaría contaminante-, Manuel García -labrego da Limia en loita contra a agroindustria-, Ada Blanco de Casa Bértolo de Friol -loita contra a macrocelulosa Altri-, Lídia Senra -labrega de Vedra en loita contra o acaparamento de terras con viñedos- e Xosé María García - labrego de San Sadurniño en loita contra a eucaliptización-.
As organizacións integradas na coordinadora global La Vía Campesina conmemoramos no Día Internacional das Loitas Labregas unha xornada de acción global que nos reúne para lembrar ás vítimas da masacre de Eldorado do Carajás (Brasil) en 1996 e pór en valor a resistenza do campesiñado en todo o mundo e a nosa loita pola xustiza social e a dignidade.
Este 17 de abril, ocuparemos todos os espazos para reafirmar con contundencia a nosa vontade por fortalecer a Soberanía Alimentaria nos nosos territorios. Animamos a todos xs membros, aliadxs e simpatizantes da Via Campesina a mobilizarse e conmemorar esta data, unidxs nunha soa voz de solidariedade para apoiar as loitas campesiñas contra as crises globais.